Monday 06 de May de 2024

Mato destaca as vantaxes ambientais e dinamizadoras da pesca deportiva e recreativa


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, visitou hoxe aos participantes no Campionato de España de Salmónidos Mosca Xuventude

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou as vantaxes ligadas á pesca deportiva e recreativa, que permite un mellor coñecemento do noso medio natural e do comportamento dos peixes, ao tempo que actúa como dinamizadora do entorno e do turismo de natureza.

Así o destacou no coto de Xallas durante a súa visita aos participantes no Campionato de España de Salmónidos Mosca Xuventude, que tamén está a ter lugar no coto de Verdes, no río Anllóns.

Nesta competición están a participar 40 mozos menores de 18 anos, procedentes de nove autonomías distintas, e que se distribúen en tres categorías: individual, seleccións autonómicas, e selectivo de alta competición.

“A iniciativa de hoxe vai supoñer unha excelente proba para comprobar o comportamento dos ríos Anllóns e Xallas de cara ao vindeiro Campionato do Mundo (de salmónidos mosca xuventude), que se celebrará en agosto por primeira vez en Galicia”, destacou Mato. Ao respecto, indicou que tanto o Anllóns como o Xallas serán dous dos cinco escenarios deste campionato, xunto co Ulla, o Eume e o Mandeo.

Ademais, os mellores participantes da modalidade de alta competición do campionato nacional que se está a celebrar hoxe lograrán a clasificación para representar a España neste campionato mundial.

Xa para rematar, Mato resaltou que a pesca deportiva e recreativa é unha afección “moi estendida” en Galicia, como demostran as preto de 50.000 licencias que se expediron en Galicia ao longo deste ano; os 149 coutos que hai na comunidade autónoma; ou os 68 tramos libres habilitados para a modalidade de pesca sen morte.